Principal
Compoñentes
Discografía
Prensa
Novas
Álbum
Contratación
Ligazóns
         @

 

Discografía

[ En tempos... ] Raianos ] Críticas ]

 

 

 

En tempos que se foron...

no vello país do Setestrelo, nun tempo esquecido, cando os carballos falaban cos castiñeiros, vivía nos montes un ser máxico.

 

Chamábano o Señor das Augas e ninguén sabía porque vivía na terra.

Tiña un pano de liño azul cheo de nós dourados. Cando chegaba a tardiña,as árbores facían silencio mentres as criaturas do bosque se xuntaban ó redor da gran pedra para que O señor das Augas desfixera un daqueles nós. Cada un agochaba a historia dun ser máxico:

 

O Trasno... (Moisés Quintas)

Anano caseiro de figura humana que loce longas barbas e adoita vestir un pucho de cor vermella. Seica posúe un burato na man. Anda por toda a casa, cortes, alpendres, podendo incluso voar ou facerse invisible. Acostuma remexer nos pratos, facer ruídos desacougantes, facer tremer as portas, enguedellar os novelos de la, desaparecer obxectos ou empurrar de súpeto ós humanos.

Un remedio para afastalo e librarse da súa presenza é deixar unha cunca chea de sementes.  O trasno empurrado pola curiosidade, que é unha das súas notables características, tenta contar os graos que foxen polo burato que ten na man.

 

 

Herba de Namorar... (Rosa Gayoso)

que medras no confín do mundo.

Para aqueles que desexen ser os posuidores do amor de determinado mozo ou moza, na zona máis occidental de Galicia, medra unha planta que posúe unha flor de cor branca e rosa, e que florece na noite de San Xoán.

Según a lenda, colocándoa a carón desa persoa mentras dorme, o seu amor está asegurado no momento en que esta desperte.

 

 

Maruxaina... (Moisés Quintas)  

Voz: Eva Carreras

Serea que mora nos Farallóns (illotes preto de San Cibrao na mariña luguesa). Non existe acordo sobre a bondade ou maldade da serea. Mentras uns aseguran que os mariñeiros, atraídos polo seus cantos melodiosos sufrían constantes naufraxios, outros din que os protexía; que pasa o tempo fiando e cando vai mal tempo, súbese a un penedo e desde alí ponse a cantar e a tocar o corno para dar aviso de que non se debe sair ó mar.

 

 

As Lavandeiras... (Rosa Gayoso)

Mulleres que moran nas fontes de Galicia e amósanse envoltas nunha aura misteriosa. Acostúmanse a ver de noite lavando.

Según a lenda, se alguén pasa, convídano a torcer a roupa. Se o camiñante acepta ten que procurar non torcer no mesmo sentido ca elas, pois se o fai, as desgrazas sucédense e mesmo pode morrer.

Velas é de mal agoiro.

 

A Casa da Moura... (Moisés Quintas)

Percusión: Marcos Vázquez

É unha mámoa na que a lenda conta que foi unha moura quen trouxo na súa cabeza a pedra que a cobre horizontalmente.

Na nosa cultura, os mouros constitúen unha tribo ou raza mítica que constrúen os monumentos antergos: mámoas, covas, castelos, gravados rupestres e castros.

As mouras ou donas, son seres femininos de extraordinaria beleza que acostuman verse tamén en fontes ou ríos peiteándose con peite de ouro.

 

 

O Paporrubio... (X. Manuel Fernández)

En tempos nos que os animais falaban e aínda non se coñecía o lume na Terra, os paxaros xuntáronse en consello para buscar un voluntario que viaxara ó sol para traer o lume. O paporrubio ofreceuse e o Sol deulle xenerosamente o lume, mais xa ó final da viaxe empezáronlle a arder as plumas do peito. Así e todo, o paporrubio cumpliu a súa misión, e tódolos paxaros acordaron en agradecemento darlle cada un unha das súas plumas, agás a curuxa, que se negou, e dende aquela, foi condenada polo resto dos paxaros a voar só pola noite.

 

 

A Dama do Castro... (X. Manuel Fernández)

Vive en castelos de cristal situados debaixo dos castros e das torres derrubadas dos vellos castelos de Galicia. Quen se achegue á súa morada quedará encantado para sempre. Ten fama de boa muller, sempre disposta a dar un consello a quen o necesite para saír dunha situación comprometida. É máis doado que se apareza a persoas aflixidas por un problema, que a outras que tenten forzar a súa presenza levando agasallos ós arredores dos castros. A dama do castro ten entre outras cualidades benfeitoras, unha digna de mención; a de protexer ós nenos que se atopan en perigo.

 

 

A Cova da Serpe... (Rosa Gayoso)

En Galicia hai moitos lugares con este nome. Venlles por ter sido morada de serpes xigantescas. Estas cobras xigantes deboraban animais de gran tamaño como vacas, burros ou tamén persoas e nenos.

Algunhas conseguíronse matar ben con maña ou pola forza, mentras que a outras, de vellas, saíronlles ás e marcharon voando.

 

 

O Meniñeiro... (Moisés Quintas)

Percusión: Marcos Vázquez

Especie de trasno familiar que fai sorrir ós nenos moi pequenos e que os demais non podemos ver.

Como os bebés non falan non sabemos como son.

Cando un neno pequeno sorrí e queda ollando fixamente para un sitio, sóese decir anda por aquí o Meniñeiro ou anda co Meniñeiro.

 

 

En tempos que se foron... (Música: Moisés Quintas, Letra: Rosa Gayoso)

Voz: Eva Carreras

 

 

O Demo coxo... (Rosa Gayoso)

Encargado de recoller as almas dos que morren.

A sorte está en que coa súa coxeira case nunca chega a tempo.

Conta a lenda dun rapaz de Quenlle que ía de noite ver a moza, cando escoitou uns pasos polo camiño. El agachouse quedo sen dar creto ó que vía; era o Demo arrastrando a perna, e por sorte, pasou de largo. Aquel camiño levaba dende a igrexa parroquial ata o Somordás, e ó outro día, soubo que nese lugar, aquela mesma noite houbera un defunto.

 

                                                           Debuxos: Xulia Fernández